Logo de Grupo Micoloxico Galego

GRUPO MICOLÓXICO GALEGO LUIS FREIRE

In Memoriam

Luis Freire García

A Coruña (1914) / Vigo ( 1997)

Exerceu a profesión de practicante e aos 51 anos, xa viuvo, decide estudar unha carreira universitaria. O seu amor e afección ao medio natural inclínano por Ciencias Biolóxicas, carreira na que se licencia e gradua no ano 1975. Sen embargo, a actividade de Luis Freire como naturalista comeza no ano 1950, da man de D. Fermín Bescansa. Pero o seu nome non se asocia publicamente á micoloxía galega e aos departamentos de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (Biolóxicas e Farmacia) ata 1977. É no de Farmacia onde fai a Tese Doutoral sobre "Macromicetos de la Selva Negra, Santiago", baixo a dirección do Dr. Losa Quintana. Ao mesmo tempo codirixe 5 Teses de Licenciatura sobre flora e micoloxía de Galicia e imparte clases na Facultade de Bioloxía, simultaneando este traballo coa dirección da Residencia Universitaria compostelana "Burgo das Nacións". Publicou máis de 40 artigos, 4 libros, participou en medio centenar de congresos e dirixiu 8 tesinas e 2 teses doutorais sobre o tema. Luis Freire foi membro fundador da Sociedade Galega de Historia Natural, do Grupo Botánico Galego, do Grupo Micolóxico Galego e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. A súa formación humanística, case renacentista levouno a relacionarse culturalmente con diversos personaxes e estudosos galegos, entre os que cabe sinalar a Isidoro Millán (lingüista), Uxío Novoneyra (poeta), Luis Monteagudo (arqueólogo), Pucho Ortiz (pintor), Miguel González (escritor), Fernando Alonso Romero (filólogo e etnógrafo), ... Desenvolve unha grande labor científica, nun período relativamente curto de tempo, dende 1975 ata o seu pasamento (o que queda reflectido na existencia de artigos póstumos). Como produto destes 22 anos de investigación formouse un grupo de estudosos da micoloxía galega do que foi, e será, o seu mestre. Paralelamente ao seu labor científico, recorre Galicia para divulgar o coñecemento dos cogomelos e das plantas, tanto en charlas, conferencias e cursiños, como en libros.


Grupo Micolóxico Galego - Apdo. 3083 (E-36200-Vigo)