Luis Cabo Rey
Padrón /
Luis Cabo Rey, médico e micólogo. "De profesión médico, o que Ile permitiu gañar diñeiro co que afrontar as necesidades da vida, e como afección, micólogo, o que Ile ocasionou numerosos gastos e un senfin de satisfaccións", segundo palabras propias, pronunciadas na presentación da mesa redonda sobre Toxicoloxía dos cogomelos, que sabiamente coordinou durante a III Semana Micolóxica Galega (1981), organizada en Santiago.
Naceu a finais do primeiro cuarto do século XX, en Padrón. Vila onde pasou toda a súa xuventude e da que nunca chegou a desvincularse. Foi neste entorno rural onde comezou a identificar e apañar algúns cogomelos comestibles, acostumaba a decir que "el era dos afeccionados á micoloxía que co tempo pasara da tixola ó microscopio".
Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago, onde tamén se especializou en Ciruxía de Corazón e Pulmón, para así poder enfrentarse á doenza que naquela época provocaba tantos problemas, a tise, probablemente, segundo as súas palabras, condicionado polos estragos que tan de preto Ile tocaran.
Despois de pasar un tempo no País Vasco, exercitándose profesionalmente, casou en Santiago, onde se estableceu, criou ós seus 5 fillos e viviu ata o seu pasamento.
A natureza sempre exerceu sobre el unha certa fascinación, primeiro intercalando as temporadas de pesca coas de apaña de cogomelos. Logo tamén no seu xardín de Adoufe.
Sen embargo, co tempo foi o mundo da Micoloxía o que máis atraeu a súa atención.
Asi, comezou a fotografar e identificar cogomelos, e non só a recollelos para comer. Produto desta afección é a magnífica colección de diapositivas, identificadas e ordenadas que deixa, maiormente de pequenos macromicetos (helotiais e mixomicetos), que rara vez alcanzan o centímetro de diámetro.
Pero, unha tarde do outono de 1977, intentando co seu irmán Fernando fotografar un pé azul, no Campus Universitario de Santiago, encontrouse con Luís Freire. Aí naceu unha grande e enriquecedora amizade, que tiven a sorte de compartir, e a súa relación coa micoloxía mudou totalmente, aproximouse ó microscopio. Así, todos puidemos desfrutar dun grande micólogo, do que as súas mellores virtudes eran a constancia, a perseverancia, o elevadísimo poder de autocrítica e, como el nos dicía sempre, a sinceridade consigo mesmo. Son moitas as fotografías e as exsiccata que conservan ó seu lado, despois dunha pormenorizada descrición macro e microscópica, as siglas s.m.c. (salvo mellor criterio). Eso da idea da súa meticulosidade, que queda posta de manifesto nunha frase moi súa, para previr contra o atrevimento e a identificación apresurada das especies ós novos micófilos: "Cando empecei a identificar setas tiña un libro con 50 debuxos e todas as que atopaba no campo estaban nel. Agora teño algo máis de 50 libros e atopo setas que non están en ningún".
Posteriormente, a través das Campañas de Flora Micológica Ibérica, estableceu relacións co Jardín Botánico de Madrid, especialmente co Dr. Carlos Lado e, desa maneira centrou a maior parte da súa investigación nos Myxomycetes, como se reflicte nos traballos publicados ó longo dos últimos 15 anos, que deran o primeiro froito ó serlle outorgado o V Premio Galego de Investigación en Micoloxía no ano 1988, pola Agrupación Micolóxica de Pontevedra e o Centro Forestal de Lourizán, e que deu lugar a un catálogo superior ás 150 especies, deste pouco coñecidophyllum, para Galicia.
Foi membro da Sociedade Galega de Historia Natural, coa que participou en cursos e conferencias en Santiago e Ferrol (principios da década dos 80), aínda que a súa discreción fixo que se retirara pronto delas (non gustaba de presentacións orais), e fixo tamén que no ano 1997, ó falecer o grande amigo e mestre Luís Freire, non aceptara a presidencia do Grupo Micolóxico Galego e si, ante a insistencia de todos os socios e amigos, o cargo de Vicepresidente. Sempre disposto a colaborar no anonimato.
Non se pode explicar a traxectoria de Luis Cabo sen salientar, ainda que sexa brevemente a súa afección musical, que o acompañou, polo que eu sei, desde a participación na Tuna Estudiantil ata agora, sendo un adepto, case un adicto, dos «Concertos dos Xoves» no auditorio en Santiago.
Luis Cabo foi un bon médico, nunca esqueceu que os seus doentes eran persoas e non números dunha cartilla da Seguridade Social. Tiven a oportunidade e a sorte de ver como era tratado polos seus antigos doentes cando nas nosas saídas micolóxicas atravesabamos calquera aldea dos arredores de Santiago; era un máis da familia. Foi un excelente micólogo; pero sobre todo foi unha extraordinaria persoa, chea de xenerosidade (daba o que tiña e máis), de templanza (as súas análises en situacións extremas, apreciando o mellor de cada circunstancia e por fin, os comentarios, ¿ou eran consellos? inesquecibles), todo atemperado cun extraordinario e fino sentido do humor.
Se como afirma o saber popular "o sentido do humor é directamente proporcional á intelixencia", tivemos a sorte de coñecer un dos homes máis intelixentes desta época. Todo esto xunto coa súa ampla formación en todos os campos e o nivel cultural que posuía fai pensar que un dos últimos «homes do renacemento» acaba de deixamos, aínda que supoño que, onde queira que estea, seguirá buscando "mixos" para fotografalos e poñerlle ó lado o correspondente nome científico, con ou sen «s.m.c.», eso non o sabemos.
Luis, descansa en paz.